Entregado o terceiro cheque da campaña «O Prezo Xusto» do CCA Carballo

1 minutes read

O CCA Carballo fixo entrega do terceiro cheque agasallo de 50 euros da campaña «O Prezo Xusto», unha iniciativa que continúa a espertar un gran interese entre a clientela e os seguidores das redes sociais da entidade.


Nesta ocasión, o premio volveu viaxar ata a parroquia carballesa de Razo, que parece confirmar que o sol e o mar son unha excelente combinación á hora de afinar a puntería e calcular o valor dos escaparates da campaña.

A terceira gañadora foi María Canedo Velo, quen realizou unha estimación de 1.263,95 euros, converténdose na participante que máis se aproximou ao prezo real do escaparate, valorado en 1.389,80 euros.


Desde o CCA Carballo queren trasladar os parabéns á gañadora e agradecer, unha semana máis, a extraordinaria participación da veciñanza. «O Prezo Xusto» naceu co obxectivo de dinamizar o comercio local, dar visibilidade aos produtos dos establecementos asociados e reforzar a comunidade de seguidores do CCA Carballo en Instagram, convertendo cada escaparate nun reto divertido no que a participación ten premio.

A campaña entra agora na súa recta final. Desde o pasado luns 27 de xullo xa está publicado en Instagram o cuarto e derradeiro escaparate, no que as persoas participantes aínda teñen unha última oportunidade para conseguir un cheque agasallo de 50 euros, co que completamos un total de 200€ en cheques-compra.


Para participar só é necesario seguir a conta de Instagram do CCA Carballo, darlle «Gústame» á publicación, etiquetar a outra persoa e indicar nos comentarios cal se considera que é o prezo total do escaparate.