As Escolas Luís Calvo Sanz veñen de subscribir un acordo de colaboración coa asociación carballesa “Un Paso Máis” co obxectivo de promover a inclusión de nenos e nenas con trastorno do espectro autista (TEA) no ámbito deportivo. Grazas a este convenio, os menores poderán integrarse en equipos das escolas, participando en adestramentos e actividades nun contorno adaptado ás súas necesidades.
“Un Paso Máis”, con sede en Carballo e xestionada integramente por voluntariado, desenvolve un destacado labor a prol da inclusión sociodeportiva de menores con diversidade funcional. O seu traballo baséase no acompañamento ás familias e nunha coordinación constante con profesionais do ámbito sanitario e educativo público, unha liña de actuación que se verá reforzada a partir de agora coa implicación das Escolas Luís Calvo Sanz.
A través desta colaboración, ambas entidades buscan crear un espazo deportivo accesible, seguro e enriquecedor, no que todos os nenos e nenas poidan gozar do fútbol en igualdade de condicións. Para iso, poñeranse á disposición os recursos humanos e materiais do club, garantindo unha atención axeitada e adaptada a cada participante.
Esta iniciativa representa unha oportunidade única para avanzar na inclusión real no deporte base, facilitando experiencias compartidas que fomenten valores como o respecto, a convivencia e o traballo en equipo. Así mesmo, pon de manifesto o compromiso social das Escolas Luís Calvo Sanz, cuxa implicación resulta clave para facer posible un proxecto que, doutro xeito, sería difícil de levar a cabo.
Con este acordo, Carballo dá un paso máis cara a un modelo deportivo máis inclusivo, onde o fútbol se converte nunha ferramenta de integración e desenvolvemento persoal para todos os menores.