O mozo, de 25 anos, quedou atrapado debaixo do vehículo agrícola despois de que este se desprazase accidentalmente nunha leira privada situada no lugar de Liñeiro.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 11:40 horas deste sábado a través da chamada dun particular, que alertaba de que un rapaz fora atropelado por un tractor nunha finca privada da parroquia de Cances, no concello de Carballo. Segundo indicaba, a vítima atopábase inconsciente e atrapada baixo o vehículo.
De inmediato, desde a sala de operacións do 112 Galicia solicitouse a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que decidiu mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela. Así mesmo, informouse aos Bombeiros de Carballo, á Policía Local, á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil.
Segundo a información facilitada polos equipos de emerxencia desprazados ao lugar, o accidente produciuse cando o condutor do tractor agrícola descendeu do vehículo sen inmobilizalo previamente. Nese momento, o tractor comezou a desprazarse e acabou atropelando ao propio condutor, que quedou atrapado debaixo del.
Á chegada dos Bombeiros de Carballo, o rapaz xa fora liberado. Posteriormente, foi atendido polo persoal sanitario e evacuado no helicóptero medicalizado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).