Excarcerado un condutor en Coristanco e catro feridos máis, entre eles dous menores, en Santa Comba

2 minutes read

Os Bombeiros de Carballo excarceraron ao ocupante do vehículo accidentado en Coristanco que foi trasladado polo persoal sanitario ao hospital.

O sistema E-Call avisaba ao 112 Galicia ás 04:45 horas deste domingo dun accidente na AG-55, quilómetro 37.5, en Oca.

Tras lograr a comunicación co implicado, este indicou aos xestores de emerxencias que tivera un accidente e que estaba atrapado no interior do vehículo.

Ata o lugar xa se dirixía unha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que tamén xa tiñan constancia do accidente.

Con todo, o 112 Galicia nada mais recibir a primeira chamada de alerta, pasou aviso ademais de ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Carballo, ao GES de Ponteceso, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Finalmente, os Bombeiros confirmaron a excarceración do ferido, que tras ser liberado, foi evacuado polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Catro feridos en Santa Comba, entre eles dous menores
Os catro ocupantes dun vehículo, dous adultos e dous menores, resultaron feridos na noite deste sábado ao domingo tras saírse da vía o vehículo no que viaxaban ao seu paso por Santa Comba, á altura de As Caselas. Con todo, ningún dos feridos asemellaba revestir gravidade. Todos eles foron trasladados ao Centro de Saúde da localidade.

Un dos ocupantes do vehículo sinistrado foi quen ao fío das dúas e media da pasada madrugada chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que se saíran da vía e que bateran contra un muro, por iso, solicitaba asistencia sanitaria para os catro ocupantes que recalcaba que todos eles estaban fóra do turismo.

Desde o 112 Galicia pasouse aviso decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Trafico e aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil. Igualmente foron informados os Bombeiros de Santa Comba.

Así, unha vez no punto, os efectivos de Protección Civil indicaron que os catro ocupantes do vehículo, entre eles dous menores,  foran trasladados ao PAC de Santa Comba.