Excursión fin de curso da actividade de alfabetización e memoria celebrada na Laracha

1 minutes read

Desde o pasado mes de outubro vense desenvolvendo o curso de albabetización e memoria dentro do programa de envellecemento activo Saudables promovido polo Concello. Para facilitar a participación da cidadanía das diferentes parroquias, levouse a cabo en varios grupos con diferentes horarios e localizacións, como A Laracha, Paiosaco, Caión, Lendo, Montemaior e Vilaño.

Os cursos concluíron cunha excursión realizada o pasado mércores na que participaron 60 dos máis de cen alumnos cos que contaron os diferentes grupos. Durante a xornada estiveron acompañados polos docentes e tamén polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.

A xornada consistiu nunha visita pola mañá ao Museo de Automoción e Historia (MAHI) de Arteixo. Posteriormente desprazáronse ata Santa Cristina para compartir o xantar e continuar a excursión cun percorrido polo Museo dos Oleiros e o castelo de Santa Cruz.

Con esta actividade púxose o broche final a oito meses de formación e convivencia nos cursos de alfabetización e memoria, unha iniciativa consolidada na programación municipal que favorece a participación social, a estimulación cognitiva e as relacións persoais entre os participantes.