Festas do Mar de Malpica | O PP carga contra o PSOE: ‘Moito titular, moita demagoxia e moi pouca coherencia’

3 minutes read

Ao parecer a entidade que colaboraba na organización das Festas do Mar de Malpica comunicou este ano con pouca antelación que non podía asumir esa responsabilidade. Ante esta situación, o goberno municipal considera que xa non dispón de tempo suficiente para organizar a celebración e trataríase optar por substituíla por algo máis sinxelo que poderían ser dúas sesións vermú.

O PSdeG-PSOE de Malpica mostraba en Pleno a súa preocupación pola decisión de non celebrarse este ano as Festas do Mar con normalidade. Os socialistas consideraban que a celebración das Festas do Mar non podía depender exclusivamente da dispoñibilidade dunha asociación ou entidade colaboradora. Ao seu xuízo, corresponderíalle ao executivo municipal liderar a organización, coordinar os diferentes axentes implicados, planificar con antelación e buscar alternativas cando xurdan imprevistos.

Comunicado do Partido Popular

O goberno municipal mantén a Banda de Música e financia xunto coa Confraría de Pescadores a pólvora da procesión e os grupos musicais para amenizar as sesións vermú do venres, sábado e domingo. Ademáis, o Concello levou as cabo xa fai meses a tramitación con Portos de Galicia para obter as autorización de ocupación das instalacións portuarias para as festas, facendo fronte tamén aos custos que eses permisos suponen. Esa é a realidade que o PSOE intenta esconder porque non encaixa no seu discurso.

O máis sorprendente é a súa dobre moral. Agora esixen que o Concello organice directamente as festas, pero cando este goberno impulsou actividades desde a administración municipal foron os primeiros en criticar, acusándonos de despilfarrar os cartos públicos. É evidente que para o PSOE o problema nunca é o modelo de organización, senón quen goberna.

Pero hai unha cuestión aínda máis grave. O PSOE só parece preocuparse polas festas da vila de Malpica. Das parroquias, nin unha palabra. Hai núcleos do noso concello que levan anos sen poder celebrar as súas festas patronais porque non existe comisión de festas. Onde está o PSOE cando eses veciños e veciñas quedan sen as súas celebracións? Nunca os escoitamos reclamar que o Concello as organice.

Se o PSOE considera que o Concello debe asumir directamente a organización das Festas do Mar, debería explicar tamén se pretende que faga o mesmo coas festas patronais de todas as parroquias. Porque, de non ser así, estaría defendendo un trato de privilexio para uns veciños fronte a outros. E iso si sería unha auténtica discriminación.

O Concello non pode nin debe substituír ás comisións de festas. O seu papel é colaborar, apoiar e facilitar a celebración das distintas festas do municipio, tal e como vén facendo este goberno, tanto na vila como nas parroquias, dentro das súas posibilidades e con criterios de igualdade.

Resulta curioso que quen hoxe pretende dar leccións de planificación sexa o mesmo partido que, cando gobernaba, paralizou proxectos importantes para Malpica e que, desde a oposición, converteu en costume criticar calquera iniciativa municipal. Agora tentan utilizar as Festas do Mar para crear unha polémica artificial, sen importarlles a realidade nin o traballo das persoas que colaboran para sacar adiante as celebracións.

No Partido Popular de Malpica seguiremos traballando con responsabilidade, apoiando ás asociacións, ás comisións de festas, á Confraría e ao tecido social de todo o municipio. Porque para nós non hai veciños de primeira e de segunda, nin festas de primeira e de segunda. Hai un único concello, formado pola vila e polas súas parroquias, e todos merecen o mesmo respecto, o mesmo apoio e a mesma atención.

Mentres o PSOE continúa instalado na crítica fácil e no oportunismo político, o PP seguirá facendo o que sempre fixo: traballar por Malpica con feitos e non con propaganda, conclúen os populares.