O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou no acto de homenaxe á emigración fisterrá organizado polo Concello de Fisterra, unha iniciativa que rende tributo a todos os homes e mulleres que ao longo da historia tiveron que abandonar a súa terra e cruzar o mar na procura dun futuro mellor. Durante o acto inaugurouse no Porto de Fisterra unha escultura inspirada na emblemática fotografía O home e o neno, de Manuel Ferrol, convertida nun símbolo universal da emigración galega e da dor silenciosa das familias separadas.
Durante a súa intervención, Miranda destacou que “a emigración forma parte da nosa memoria colectiva e do ADN dun pobo que soubo levar Galicia polo mundo”, ao tempo que puxo en valor o esforzo e sacrificio das xeracións de galegos que marcharon e contribuíron a manter vivas as raíces, a lingua e a identidade galega máis alá das fronteiras. O secretario xeral incidiu en que foron milleiros as persoas que levaron o nome de Galicia con orgullo, converténdose tamén en auténticos embaixadores da nosa cultura. Ademais, lembrou a especial vinculación migratoria de Fisterra con países como A Arxentina e con distintos destinos europeos, entre eles Suíza, lugares onde moitas familias fisterrás construíron novas vidas sen romper nunca o vínculo coa súa terra.
Miranda sinalou ademais que actos coma este serven para recoñecer unha parte esencial da historia de Galicia e para render homenaxe “á valentía e capacidade de superación de tantas familias que tiveron que marchar”. Neste sentido, subliñou que a historia da emigración segue sendo unha referencia para comprender a Galicia actual: “unha terra aberta ao mundo, conectada coa súa diáspora e orgullosa da súa identidade”.
O secretario xeral engadiu tamén que símbolos como a escultura inaugurada “non deben ser só unha lembranza permanente do que fomos, senón tamén un convite permanente ao regreso”. “Houbo un tempo no que esta terra despedía aos seus fillos; hoxe Galicia é unha terra preparada para recibilos, acompañalos e ofrecerlles oportunidades”, afirmou.
Miranda concluíu lembrando que “moitos daqueles esforzos e sacrificios da emigración que deixaron tristura nas familias galegas están a transformarse hoxe en historias de regreso, reconstrución e esperanza, demostrando que aquela marcha nunca foi en balde”.