O alumnado da acción formativa para persoas desempregadas (AFD) centrada na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais participou actividade complementaria dedicada á aprendizaxe do uso do desfibrilador externo automático (DEA), unha iniciativa orientada a ampliar as súas competencias na atención a situacións de urxencia que poden producirse no seu futuro desempeño profesional.
A sesión, impartida polo Dr. Alejandro Martínez Varela, médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria do Centro de Saúde da Laracha, permitiu ao alumnado afondar nos protocolos básicos de actuación ante unha parada cardiorrespiratoria, coñecer o funcionamento e os compoñentes dun desfibrilador externo automático e realizar simulacións prácticas supervisadas para aplicar correctamente o dispositivo.
Esta formación complementa os contidos do módulo formativo dedicado á intervención na atención sociosanitaria en institucións. Trátase dunha competencia de especial relevancia no ámbito da atención ás persoas dependentes, onde unha resposta temperá pode resultar determinante para preservar a vida e minimizar as consecuencias dunha situación crítica. O Concello incorporou este tipo de accións complementarias ao itinerario formativo dado que permiten enriquecer a preparación do alumnado con coñecementos prácticos e actualizados, mellorando a súa cualificación profesional e favorecendo unha atención de maior calidade ás persoas usuarias dos centros sociosanitarios.
Esta AFD centrada na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais comezou a impartirse na Laracha o pasado 17 de abril baixo a organización do Concello e da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. O plan formativo consta dun total de 528 horas, rematando a fase práctica en diferentes centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar situados na Laracha, Carballo, Arteixo e Cerceda. Os alumnos que finalicen o programa con éxito recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a formación cualificada completa na materia obxecto da formación.