Forman unha cadea humana contra o proxecto de biogás na Laracha

1 minutes read

Douscentos veciños e veciñas acudiron este luns a unha finca privada, a carón da ubicación onde se proxecta a macroplanta de biogás na parroquia de Soandres, para amosar de novo o seu rexeitamento a este proxecto, cunha cadea humana e berrando: “Biogás aquí non, porque a localización non é a axeitada e Biogás así non, porque estas macroplantas xestionan residuos non xerados na contorna e danan a biodiversidade do río e dos acuíferos”, afirman.


Amosaron tamén a súa preocupación polo grave problema de seca e da falta de caudal continuo, no punto do río Anllóns onde a planta de biogás chegaría a verter o equivalente a 2.000 camións cisterna de residuos líquidos, co grave impacto que suporía para o propio río, a súa biodiversidade e á saúde de milleiros de persoas das poboacións dos concellos que atravesa o Anllóns e que usan a auga deste río.


‘Non imos parar, manteremos viva a nosa loita ata que este proxecto se paralice’- afirman dende a Plataforma-. Despois dun proceso de alegacións, de numerosas reunións con entidades, expertos e institucións públicas, e dunha manifestación histórica na Laracha, a veciñanza continuará con diversas actividades e accións como o actual proceso de creación dunha Asociación veciñal, ecoloxista e cultural, así como asesoramentos legais e xurídicos para loitar por todas as vías contra este proxecto.