O Obradoiro de Emprego CAMUVI Forestal permitirá desenvolver actuacións de gran utilidade para os tres concellos participantes. Entre os traballos previstos figuran actuacións de carpintaría, como a montaxe de mobles e elementos de carpintería e pintura no Concello de Vimianzo, así como o mantemento e conservación de elementos de madeira en equipamentos municipais e mobiliario de oficina.
Tamén se levarán a cabo actuacións de limpeza técnica de viais e edificios municipais e o pintado de mobiliario urbano, incluídas as marquesiñas, contribuíndo á mellora da imaxe e funcionalidade dos espazos públicos.
Entre os proxectos máis destacados atópase a reparación dos accesos ás praias de Muxía que contan con pasarelas de madeira, unha intervención que favorecerá a seguridade das persoas usuarias e a conservación dun entorno natural de especial valor.
No ámbito forestal e ambiental, o alumnado realizará accións das brigadas forestais no Concello de Vimianzo, labores de desbroce e limpeza de biomasa en parcelas municipais e rutas de sendeirismo, así como traballos de limpeza forestal en itinerarios de elevado interese patrimonial e turístico, como a Vía Mariana e o Camiño dos Faros.

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou na inauguración, acompañada do alcalde de Muxía e das alcaldesas de Camariñas e Vimianzo, e destacou o compromiso do Goberno galego coa formación e a inserción laboral das persoas desempregadas a través deste tipo de programas de formación dual, que neste caso suporá un investimento de 501.000 euros dos cales 47.000 destínanse a 10 incentivos para formar a 20 persoas desempregadas en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, limpeza en espazos abertos e instalacións industriais e montaxe de mobles e elementos de carpintaría.