Trátase dunha nova intervención que permitirá continuar avanzando no coñecemento e na posta en valor do xacemento datado na Idade do Ferro e que está a ser obxecto de continuas actuacións por parte do Concello para a súa posta en valor como un dos principais elementos patrimoniais do municipio.
O alcalde, José Manuel López Varela, e as concelleiras Patricia Bello e Rocío López, desprazáronse hoxe ata o castro, onde mantiveron un encontro coa directora do proxecto de posta en valor, Puri Soto, e co equipo de arqueólogas que está a desenvolver os traballos.
Nesta nova campaña, que se prolongará durante tres semanas, prodúcese un cambio na zona principal de actuación. Despois das intervencións levadas a cabo nos últimos anos na primeira terraza e no acceso leste, os traballos trasládanse agora á croa do castro, onde se está a abrir unha nova área de escavación duns 50 metros cadrados. O principal obxectivo é investigar a posible torre grande (torreón en castelán) situada no extremo da muralla, que podería estar relacionada coa entrada ao recinto superior, así como coñecer con maior detalle como se resolve o acceso á croa.
A escavación tamén permitirá continuar investigando o camiño empedrado localizado nas campañas anteriores e que ascende desde a primeira terraza cara a parte superior do asentamento. Un dos retos será determinar como se salvaba o importante desnivel existente neste punto, ben mediante a propia configuración do camiño ou a través doutros elementos construtivos como posibles escaleiras.
Ademais dos traballos de escavación, realizarase unha diagnose do estado de conservación das estruturas documentadas e as actuacións de consolidación que sexan necesarias para garantir a súa conservación e facilitar a futura posta en valor. Tamén se levará a cabo a xeorreferenciación das estruturas, documentación fotográfica e audiovisual e o tratamento e inventariado dos materiais arqueolóxicos recuperados.
O Castro de Montes Claros constitúe un dos xacementos castrexos máis destacados e mellor conservados do ámbito ártabro-bergantiñán. As sucesivas campañas permitiron ampliar o coñecemento sobre a súa evolución histórica e a complexidade das estruturas defensivas nun asentamento que os recentes traballos de prospección apuntan que podería alcanzar unha superficie de entre 8 e 10 hectáreas.
Esta sétima campaña de escavación arqueolóxica conta cun orzamento de 20.000 euros e é financiada integramente pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. A esta cantidade súmanse os 5.500 euros correspondentes á redacción do proxecto arqueolóxico e á dirección dos traballos que son asumidos polo Concello.
Novo programa de visitas guiadas
O Concello aproveitará o desenvolvemento desta nova campaña de escavación arqueolóxica para achegar novamente o Castro de Montes Claros á cidadanía mediante un programa de visitas ao propio xacemento.
O mércores 14 e o xoves 15 de outubro ás 12:00 horas poderanse coñecer de preto os traballos de escavación e o desenvolvemento da intervención arqueolóxica. Non será necesaria inscrición previa. Ademais, o sábado 24 de outubro, ás 11:00 horas, ofrécese unha visita guiada por Puri Soto na que se percorrerán o conxunto do castro e a na que se están desenvolvendo as escavacións. Neste caso as prazas son limitadas e a inscrición, gratuíta, poderá realizarse a través do correo turismo@alaracha.gal ou no teléfono 676963062.
