A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisou este venres o inicio dos traballos, nos que se prevé unha inversión autonómica de 36 millóns de euros.
A actuación na AG-55 abrangue un total de 5,8km, desde Santa Irena ata a conexión coa estrada autonómica AC-532, cun percorrido que transcorrerá na súa totalidade por Vimianzo.
As obras comezaron na zona onde termina o treito de autovía actualmente en servizo, libre de peaxe e que conta cun total de 28 km, e inclúen nesta primeira etapa traballos de roza e movemento de terras para delimitar a traza da actuación, así como traballos de investigación xeotécnica para determinar as características do terreo cara a cimentación das futuras estruturas.
Son estas estruturas, precisamente, a parte máis ambiciosa desta actuación. Deste xeito, os tres viadutos que se construirán (2 sobre o río Grande e 1, o máis longo, de case 250 m, sobre o río Vimianzo), conlevan, como indicou a conselleira, practicamente a metade do investimento, con 18M€.
Ademais, a actuación prevé 2 enlaces e a previsión dun terceiro; seis pasos superiores, tres pasos inferiores e seis obras de drenaxe. As obras terán un prazo de execución de 36 meses.
Allegue subliñou o compromiso da Xunta para avanzar nas grandes infraestruturas coas que seguir vertebrando Galicia, “con planificación e a dotación de recursos” e destacou que a intervención permitirá mellorar a mobilidade, reducir tempos de viaxe e incrementarase a seguridade viaria, “o que conleva a mellora da competitividade e conectividade” da Costa da Morte.