O BNG presentou unha Proposición non de lei na Comisión 8ª do Parlamento para mellorar os controis de biotoxinas mariñas na ría de Corcubión, unha iniciativa que non saíu adiante debido aos votos en contra do Partido Popular.
O deputado nacionalista Oscar Insua explicou que a proposta, froito do diálogo cos mergulladores das confrarías de Corcubión, Fisterra e Lira, pretendía aumentar as subzonas de control nos bancos de moluscos bentónicos infaunais. Na actualidade, a ría de Corcubión divídese en dúas subzonas (Zona I e Zona II) e realízanse só dous controis analíticos semanais, o que provoca que cando se detecta un positivo, se paralice toda a extracción de solénidos (navalla e longueirón) durante sete días sen análises intermedias.
Insúa lembrou que o sector afecta a 50 mergulladores repartidos en 16 embarcacións, que no ano 2025 facturaron 3,3 millóns de euros (153.000 kg de navalla e 163.000 kg de longueirón). “O que nos din os profesionais é que sería ideal crear algunha subzona máis, como no Pindo ou en Carnota, e que cando dá positivo, se fagan análises diarias ata que o resultado sexa negativo, tal e como xa ocorre noutras rías galegas”, sinalou o deputado.
O nacionalista subliñou que os propios investigadores do INTECMAR, durante unha visita recente, cualificaron a proposta como “seria e a estudar”. Pola contra, criticou que o PP rexeite sistematicamente todas as iniciativas do BNG para axudar ao sector do marisqueo na Costa da Morte: “Aínda non aprobaron ningunha a favor. Iso si, despois van sacar fotos nas festas gastronómicas”.
Na súa intervención, Insua respondeu ás críticas da deputada popular sobre a “falta de rigor” da proposta, defendendo que é “o sector quen a demanda” e que actualizar a orden de 1995 é “unha necesidade, porque non é algo que propoñamos nós, senón que a realidade xa demostra que hai que facelo”. Finalmente, o BNG comprometeuse a seguir reivindicando estas medidas en futuras ocasións.