A empresa Canarga ten previsto desprazar maquinaria este luns, 30 de novembro, á rúa Compostela para realizar un acondicionamento provisional do treito en obras. Os traballos consistirán en facilitar a drenaxe superficial e retirar a lama acumulada para mellorar o tránsito e reducir as molestias mentres a Deputación da Coruña busca unha solución técnica que permita completar a reurbanización.
O alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Obras e Contratación, Luís Lamas e Ramón Varela, deron conta desta actuación na reunión celebrada na tarde do venres na Escola de Arrabaldes. Unas corenta persoas asistiron ao encontro, no que a veciñanza puido trasladar as dificultades que está a sufrir no día a día, especialmente nos accesos aos garaxes, e formular preguntas sobre a situación dos traballos, paralizados desde hai dous meses.
Os representantes municipais expresaron que entenden e comparten o “lóxico malestar” da veciñanza. “Sabemos os problemas que está causando. Desde o Concello estamos facendo todo o posible para intentar minimizalos mentres non se remata a obra nas debidas condicións”, sinalou o alcalde.
A rúa Compostela forma parte da estrada provincial DP-1914. A Deputación da Coruña é a titular da vía e a administración responsable da obra. O Concello fai un seguimento da actuación desde o seu inicio e, en canto se interromperon os traballos, que ata entón avanzaban a bo ritmo, púxose en contacto coa Deputación para coñecer o motivo. Desde daquela, o goberno municipal mantivo varias reunións coa institución provincial e contactos coa empresa adxudicataria para coñecer a evolución da obra e procurar medidas que alivien as molestias.
Segundo explicou a Deputación, a paralización obedece a un problema técnico. A institución provincial trasladou o seu compromiso de buscar unha solución. Polo momento, segue pendente de concretarse unha data para o remate dos traballos.
A reurbanización comezou en maio e abrangue o treito comprendido entre a rotonda da Milagrosa e o cruzamento coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo. A Deputación licitou a actuación por 211.266,61 euros. O proxecto inclúe a renovación do firme e das redes de servizos, a ampliación das beirarrúas e a adaptación dos pasos de peóns.
