- A xornada terá lugar en Nantón e contará con música, animación infantil, artesanía, actuacións e actividades para todos os públicos baixo unha gran carpa
O Festigual 2026 xa ten programación. A cuarta edición desta celebración organizada por Íntegro terá lugar o vindeiro sábado 26 de setembro en Nantón (Cabana de Bergantiños), na zona do campo de fútbol, cunha xornada aberta á participación de toda a cidadanía e que volverá poñer no centro a diversidade, a inclusión e a igualdade.
Baixo o lema “Diversamente iguais”, o Festigual dará comezo ás 12.00 horas e ofrecerá ao longo da xornada unha programación dirixida a públicos de todas as idades, combinando música, animación infantil, artesanía e diferentes propostas culturais e de participación.
Entre as actividades previstas figuran a actuación de AC Inllar e do Dúo La Fábula e un concerto a cargo de Terapia de Grupo, ademais dos espazos dedicados á artesanía e á animación infantil, que completarán unha programación pensada para favorecer o encontro e a convivencia.
O Festigual pretende consolidarse así como un punto de encontro para celebrar a diversidade e reivindicar unha sociedade máis inclusiva, ofrecendo un espazo no que persoas con e sen discapacidade poidan compartir unha xornada de lecer, cultura e participación en igualdade de condicións.
Xantar popular
Desde a organización lémbrase tamén que ata o vindeiro día 18 permanecerá aberto o prazo para a retirada dos tickets do xantar popular, unha das propostas que cada ano contribúe a facer do Festigual unha xornada de convivencia e encontro. As persoas interesadas en participar no xantar deberán reservar praza chamando ao 981 734 985. Haberá menú adulto e infantil, e os menores de 3 anos non pagarán (pero haberá que comunicar previamente a súa asistencia).
Desde Íntegro animan a veciños e veciñas da comarca e a todas as persoas que queiran sumarse a reservar a data e participar nesta cuarta edición do Festigual.
Unha cita para compartir, desfrutar e celebrar que, aínda sendo diferentes, somos diversamente iguais.
