Íntegro e a Fundación «la Caixa» impulsan un novo espazo de estimulación multisensorial para persoas con discapacidade

2 minutes read

A asociación Íntegro e a Fundación «la Caixa», a través da acción social da oficina de CaixaBank en Baio, dirixida por María Martínez, veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá poñer en marcha o proxecto «Do Residuo ao Benestar», unha iniciativa destinada a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e grandes necesidades de apoio do rural da Costa da Morte.
O acordo, dotado cunha achega de 5.000 euros, fará posible a creación dunha aula de estimulación multisensorial no Centro de Día de Íntegro, un recurso pensado para ofrecer terapias especializadas ás persoas usuarias con maiores necesidades de apoio. A través de diferentes estímulos sensoriais, este espazo contribuirá a favorecer o seu benestar emocional, a comunicación, a estimulación cognitiva e a relaxación, adaptando cada intervención ás capacidades e intereses de cada persoa.
O proxecto inclúe tamén unha segunda liña de actuación no Centro Ocupacional, onde as persoas usuarias participarán na elaboración de materiais destinados ás propias terapias mediante o uso das novas tecnoloxías. Deste xeito, foméntase a adquisición de competencias dixitais, a creatividade e a participación activa nun proceso que ten un impacto directo no seu propio benestar e no dos seus compañeiros e compañeiras.
Todas as actividades desenvolveranse desde unha metodoloxía centrada na persoa, con propostas individualizadas que garantan unha participación real e unha aprendizaxe significativa, respectando os ritmos, capacidades e preferencias de cada participante.
Desde Íntegro agradecen o apoio da Fundación «la Caixa», que permitirá incorporar novos recursos terapéuticos e continuar avanzando na mellora da atención ás persoas con discapacidade intelectual do medio rural. A entidade destaca que colaboracións coma esta resultan fundamentais para impulsar proxectos innovadores que promovan a inclusión, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades.
Con este convenio, a Fundación «la Caixa», a través da acción social de CaixaBank, reforza o seu compromiso co desenvolvemento de iniciativas sociais de proximidade que contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas en situación de vulnerabilidade e a fortalecer o tecido asociativo do territorio.