Agarimo Surf, así se chama o programa social e terapéutico que utiliza o mar como ferramenta de inclusión, e que encara esta semana unha das súas etapas máis intensas. Tras superar con éxito as fases de presentación nos centros e de formación específica para profesionais, os usuarios e usuarias dos diferentes colectivos participantes xa están a gozar plenamente das xornadas de surf terapéutico e adaptado na praia.
Esta semana, o areal de Razo é un escenario de superación para usuarios e usuarias de Íntegro, Apem, Lenda Educativa, Un Paso Máis e Aspaber.
O proxecto xa percorreu un camiño importante. Na primeira fase, o equipo de Agarimo visitou os centros para romper o xeo, coa presentación dos neoprenos, o material e a fauna mariña ás familias e usuarios. Na segunda fase foron os profesionais dos centros os que recibiron formación técnica no areal.
Agora, con todos os colectivos tendo xa unha primeira toma de contacto coas ondas, o proxecto dá un paso máis alá: “O primeiro paso xa está dado. Agora trátase de desenvolver obxectivos de mellora específicos para cada persoa participante, utilizando o surf como motor de crecemento persoal e social”, sinalan dende a organización.
Agarimo Surf, impulsado pola Asociación Visibles, é unha realidade grazas á suma de forzas de escolas, entidades e institucións, entre elas o Concello de Carballo, que patrocina estas xornadas para os colectivos locais. É un programa inclusivo que entende o mar como un espazo de saúde. O seu obxectivo é axudar a persoas con diversidade funcional, mental ou en risco de exclusión a entenderse mellor a si mesmas, a relacionarse coas demais e a respectar a súa contorna natural a través do contacto co mar e co surf.