O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, situado no Igrexario de Golmar, volve contar coa bandeira de Centro Azul tralo izado a cargo do alcalde, José Manuel López Varela. No acto tamén participaron os concelleiros José Ramón Martínez (Medio Ambiente), Patricia Bello (Turismo), Cristina Vieites e Manuel García Montes, ademais da técnica responsable da instalación.
O Centro Azul é un distintivo que o centro xa viña ostentando en anos anteriores e que recoñece o seu labor continuado de divulgación, educación ambiental e posta en valor do patrimonio etnográfico e natural, especialmente vinculado á cultura dos muíños de auga e aos espazos fluviais da contorna.
O izado prodúcese coincidindo coa apertura da instalación ao público para a tempada de verán, durante a que o museo permanece aberto de martes a sábado en horario de 10:00 a 18:00 horas. A entrada é gratuíta e o centro mantén a súa vocación de espazo de referencia tanto para visitantes como para veciñanza interesada en coñecer este patrimonio singular.
A mostra expositiva do museo ofrece unha experiencia renovada trala súa recente actualización, que permitiu modernizar contidos e reforzar o seu carácter didáctico mediante a incorporación de recursos audiovisuais, paneis explicativos e novos materiais que facilitan a comprensión do funcionamento tradicional dos muíños e da súa importancia histórica.
O centro tamén ofrece visitas guiadas para grupos, que deben concertarse previamente a través do correo electrónico museodegolmar@alaracha.gal ou no teléfono 647 828 559.
A continuidade deste recoñecemento é un aval ao traballo desenvolvido no museo de Golmar e á súa consolidación como recurso cultural e educativo de referencia no municipio. Nos próximos días, presentarase o programa municipal de actividades que se desenvolverá no museo ao longo dos próximos meses.