O escritor e xornalista Luis Antonio Giadás presentou en Cabana ‘O caixón das lembranzas’

1 minutes read

Os veciños e veciñas de Cabana de Bergantiños xa poden revisitar unha parte da memoria colectiva do municipio a través de ‘O caixón das lembranzas’, unha obra elaborada polo xornalista e escritor Luis Antonio Giadás. A presentación do libro celebrouse este sábado no Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate.

A publicación reúne fotografías acompañadas das súas correspondentes historias, anécdotas e explicacións, conformando un percorrido pola vida cotiá de Cabana de Bergantiños ao longo das últimas décadas. O traballo no campo, as ferramentas tradicionais, labores como a malla ou o enfiado, o papel do gando, as festas populares e distintos personaxes coñecidos do municipio protagonizan unha obra estruturada por temáticas.

Cada imaxe vén acompañada con testemuños orais de veciños e veciñas. Deste xeito, o libro servirá tamén como ferramenta para conservar lembranzas, costumes e tradicións, permitindo inmortalizar parte da identidade de Cabana de Bergantiños.