Luz verde ao convenio entre o Concello de Ponteceso e Portos de Galicia para a humanización do acceso ao porto de Corme

1 minutes read

O acceso ao porto de Corme será obxecto dunha profunda transformación grazas a un convenio de colaboración entre o Concello e Portos de Galicia, que permitirá mobilizar un investimento de preto de 800.000 euros. Tal e como explicou o alcalde, José Manuel Mato, trátase dun proxecto “fundamental para Corme”, co que se mellorarán tanto as condicións de seguridade como os servizos da vía comprendida entre a contorna da igrexa e o peirao. O obxectivo, subliñou o rexedor, é “avanzar na integración entre o porto e a vila”.

A actuación estará cofinanciada por ambas administracións. O Concello achegará 61.033,35 euros, mentres que Portos de Galicia asumirá o importe restante.

Entre as actuacións inclúese a renovación do pavimento e das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e iluminación pública. Ademais, as intervencións completaranse coa instalación de novas varandas, xardineiras, mobiliario urbano e sinalización, co propósito de mellorar a funcionalidade e a imaxe deste espazo estratéxico da vila mariñeira.

Outros asuntos

A última sesión plenaria tamén serviu para aprobar un suplemento de crédito por importe de 110.458,31 euros. Como explicou o rexedor durante a súa intervención, 65.107,5 euros do total destinaranse á adquisición dunha parcela situada no parque das Bouzas, no centro de Ponteceso, coa finalidade de habilitala como aparcadoiro público e ampliar así os servizos á cidadanía.