Máis de 350 persoas participan no programa de envellecemento activo de Ponteceso

1 minutes read

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Ponteceso destaca a boa acollida do programa «Activando a Mente», unha iniciativa municipal de envellecemento activo que conta con máis de 350 persoas inscritas. Segundo o alcalde, José Manuel Mato, esta iniciativa tenta promover un envellecemento activo e saudable, favorecer a autonomía persoal, estimular as capacidades cognitivas e creativas e, sobre todo, «fomentar as relacións sociais e a convivencia entre as persoas participantes», apuntou.

Segundo a concelleira de Servizos Sociais, Marisé Álvarez,  a elevada participación, con máis de 350 persoas e máis de 450 inscricións (persoas que fan máis dunha actividade), pon de manifesto o interese da veciñanza por este tipo de actividades e a importancia de seguir impulsando propostas que contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e a dinamizar a vida social das parroquias.

O programa, totalmente gratuíto, oferta diferentes obradoiros nos locais sociais de 10 das 14 parroquias do municipio, achegando así actividades formativas, culturais e de lecer á veciñanza.

Entre as propostas destacan os obradoiros de estimulación da memoria, uso do móbil, macramé, cestería, manualidades, coiro, cociña, bailes de salón, flores e arranxos de Nadal.

O Concello de Ponteceso reafirma así o seu compromiso cunha programación próxima á cidadanía, que favorece a participación entre os seus maiores e leva actividades aos distintos núcleos do municipio.