Este proxecto ten como obxectivo mellorar a formación e a capacitación das redeiras e das persoas mozas, promovendo o intercambio de coñecementos e a transmisión dos saberes tradicionais vinculados aos oficios do mar. Na iniciativa de formación, capacitación e posta en valor do oficio artesanal das redeiras participa activamente a Asociación de Redeiras O Fieital.
Nesta primeira parte do proxecto e co obxectivo de chegar aos máis xóvenes, desenvolveranse obradoiros e xogos en rede dirixidos á comunidade educativa. Trátase de dar a coñecer e poñer en valor os oficios do mar, prestando especial atención ao oficio de redeira, así como á economía azul e circular e ao desenvolvemento sostible.
Ademais, crearase un espazo formativo e de intercambio de experiencias no que, durante unha hora semanal ao longo dun trimestre, profesionais e especialistas de diferentes ámbitos compartirán coñecementos e dialogarán coas redeiras e coas persoas vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro.
Estes encontros permitirán abordar cuestións fundamentais para comprender os retos actuais do sector, explorar novas oportunidades e construír unha visión compartida sobre o seu presente e futuro.
Con esta iniciativa, Enredadeiras busca contribuír á valorización do traballo das redeiras, favorecer o relevo xeracional e achegar as novas xeracións á cultura mariñeira, promovendo un modelo de desenvolvemento máis sostible, innovador e vinculado ao territorio.
A iniciativa está financiada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), no marco das axudas a proxectos vinculados ao desenvolvemento local participativo e implementados a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP).
