A Xunta de Goberno Local tomou a decisión de acordo á proposta da Comisión de Valoración, que durante as últimas semanas avaliou e cualificou as 498 solicitudes presentadas segundo os criterios establecidos nas bases da convocatoria.
A lista de bolseiros estará dispoñible para a súa consulta a partir de mañá na web municipal www.alaracha.gal (últimos avisos), onde tamén poderá descargarse o documento para xustificar a axuda. O prazo para facelo remata o 30 de novembro, e serán abonadas polo Concello antes de final de ano.
A convocatoria deste curso conta cunha dotación de 80.000 euros, cantidade que representa un incremento de preto do 7 % respecto ao exercicio anterior. Este aumento reflicte a aposta e o esforzo económico do Concello por manter e reforzar unha liña de apoio directo ás familias, contribuíndo a sufragar os gastos que supón o inicio do curso escolar e a favorecer a igualdade de oportunidades no acceso á educación.
As contías individuais das axudas varían segundo o nivel educativo: 165 euros para o alumnado de educación infantil; 150 euros para o de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e formación profesional básica; 225 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior; 350 euros para o alumnado con necesidades de apoio educativo; e 400 euros para quen cursa estudos universitarios de grao ou máster.
Estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.
