O Concello de Ponteceso vén de rematar as obras de mellora da pista da aldea do Roncudo, na parroquia de Corme, unha actuación destinada a mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos da veciñanza.
Na aldea do Roncudo existían accesos sen asfaltar polos que transitaban diariamente os veciños e veciñas, unha situación que supuña un problema de seguridade e dificultaba a mobilidade. Ante esta situación, o Concello decidiu intervir coa maior celeridade para acondicionar estas vías e mellorar as condicións de circulación.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destaca que esta intervención se suma a un conxunto de actuacións impulsadas polo Concello co obxectivo de facilitar o día a día da veciñanza e incrementar a seguridade nas vías de conexión entre as distintas localidades e as zonas urbanas.
«Seguimos avanzando na mellora das infraestruturas. Esta actuación é outro exemplo do investimento que estamos a realizar nas zonas rurais, onde eran necesarias intervencións para mellorar a mobilidade e a seguridade», asegurou Mato.
Con esta actuación, o Concello continúa avanzando no seu compromiso coa mellora das infraestruturas municipais, prestando especial atención ás necesidades das parroquias e das aldeas.
