A concentración celebrada na tarde deste xoves en Laxe, convocada en defensa de Coens e en contra dos proxectos mineiros Don Sebastián e do permiso de investigación Jorge Reyes, resultou un éxito de participación ao reunir a máis dun centenar de persoas.
Durante o acto, veciñas e veciños, acompañados de asubíos, cazolas e pancartas, quixeron amosar o seu firme compromiso coa defensa do territorio e celebrar a recente anulación da concesión de explotación Don Sebastián, unha noticia recibida con enorme satisfacción por todas as persoas que levan meses implicadas nesta loita.
En representación da Plataforma en Contra da Mina de Coens, os seus portavoces expresaron a súa alegría por esta importante resolución, destacando que é o resultado do traballo, da unidade e da mobilización constante da veciñanza. Ao mesmo tempo, advertiron que a plataforma continuará vixiante, xa que a tramitación dos expedientes mineiros aínda non pode darse por rematada.
Pola súa banda, o representante da veciñanza de Fornelos reafirmou o compromiso de continuar loitando contra o permiso de investigación Jorge Reyes, insistindo na necesidade de impedir que este proxecto poida poñer en risco o territorio, o medio ambiente e a calidade de vida das persoas que viven na contorna.
A concentración contou tamén coa intervención do alcalde do Concello de Zas, quen trasladou publicamente o seu apoio á veciñanza afectada e á defensa do territorio fronte aos proxectos mineiros. A xornada rematou cunha mensaxe de unidade e esperanza. As persoas asistentes celebraron o paso adiante que supón a anulación da concesión de explotación Don Sebastián, pero coincidiron en que a mobilización continuará ata conseguir que desapareza definitivamente calquera ameaza mineira sobre Coens e a súa contorna.