O pasado fin de semana, máis de medio cento de socios e socias da entidade carballesa ‘Un Paso Máis’ viviron unha xornada inesquecible na Illa de Ons. Esta viaxe, organizada en colaboración coa Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN), tivo como obxectivo fomentar a convivencia e o lecer inclusivo entre as familias da asociación.
Para facilitar o desprazamento, ‘Un Paso Máis’ puxo a disposición dos asistentes un servizo de autobús que realizou o traxecto entre Carballo e o porto de Bueu. Unha vez alí, o grupo embarcou para realizar a travesía pola ruta Bueu-Portonovo-Ons, permitindo aos participantes gozar dunha contorna paradisíaca na mellor compañía.
Un dos alicerces fundamentais desta iniciativa foi a súa carácter inclusivo. A organización asegurouse de contar con todos os apoios e adaptacións necesarias para que, tanto adultos como nenos e nenas, puidesen gozar da xornada sen ningún tipo de contratempo, garantindo a plena accesibilidade a todas as actividades previstas.
Dende ‘Un Paso Máis’ destacan o éxito desta experiencia e reafirman o seu compromiso co benestar das familias. «Seguimos traballando con ilusión en iniciativas de respiro familiar, impulsando actividades que poidan ser gozadas por todos os nosos membros, independentemente das súas condicións e circunstancias», sinalan dende a entidade.
Esta excursión súmase ao calendario de actividades que ‘Un Paso Máis’ desenvolve ao longo do ano coa finalidade de fortalecer os lazos comunitarios e ofrecer momentos de desconexión e apoio aos seus asociados e asociadas.