En Malpica dan un paso máis na protección do noso mar, desde a Concellería de Medio Ambiente que dirixe Rodrigo Mato, poñen en marcha unha nova iniciativa: «O Mar Empeza Aquí», un proxecto que converterá as alcantarillas e sumidoiros das súas rúas nunha ferramenta de concienciación e protección ambiental.
Porque moitas veces esquecémolo, pero o que tiramos na rúa pode acabar no mar. Cabichas, plásticos, papeis, aceites ou outros residuos poden ser arrastrados pola choiva a través da rede de drenaxe e rematar no medio mariño.
Por iso, comezarán a marcar puntos de drenaxe do municipio coa mensaxe:
«O Mar Empeza Aquí»
Unha mensaxe sinxela, directa e visible para lembrarnos que coidar o océano non comeza na praia: comeza nas nosas rúas. A campaña terá especial presenza no núcleo urbano, paseo marítimo, zonas próximas ás praias, porto, itinerarios peonís e espazos de gran afluencia.
Desde o Concello afirman que se trata dunha actuación pequena, pero cunha gran finalidade: reducir residuos, sensibilizar, implicar á veciñanza e protexer o noso litoral.
«Malpica é un concello mariñeiro e costeiro. Vivimos mirando ao mar e queremos seguir sendo referentes no seu coidado. Desde a Concellería de Medio Ambiente seguimos impulsando iniciativas novas para facer de Malpica un concello cada vez máis comprometido coa sustentabilidade e coa protección do noso patrimonio natural. Porque o mar non comeza na praia», conclúen.
