O directores xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e de Desenvolvemento Pesqueiro, Isaac Rosón e Ángeles V. Suárez, respectivamente, analizaron este mércores coa confraría de Camelle a xestión sustentable dos recursos pesqueiros e marisqueiros desta zona da Costa da Morte.
Neste senso, intercambiaron impresións sobre o alcance da Orde de demasías e a súa incidencia na actividade extractiva, coa finalidade de avaliar os distintos aspectos técnicos e administrativos derivados da súa aplicación.
A Xunta publicou en marzo esta disposición que regula a xestión dos excedentes procedentes do marisco capturado, e que dota de seguridade xurídica unha práctica habitual no sector, reforza o papel dos pósitos na xestión sostible dos recursos, ao tempo que consolida o modelo de cogobernanza entre a Administración e as entidades pesqueiras.
Con este encontro, o departamento que dirixe Marta Villaverde, deu continuidade á rolda de contactos que vén mantendo cos distintos axentes socieoeconómicos vinculados ao mar, co fin de favorecer o seu desenvolvemento e a súa competitividade.