Medio Rural apoia a Agrosoneira para favorecer a transformación e comercialización de produtos agrarios

1 minutes read

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou as instalacións de Agrosoneira, en Vimianzo, beneficiaria dunha axuda de case 290.000 euros para  desenvolver unha nova liña de granulación na súa fábrica de pensos. Esta subvención pertence á liña de achegas para a transformación e comercialización de produtos agrarios.

Durante esta visita, na que tamén participou a alcaldesa de Vimianzo Mónica Rodríguez, Balseiros destacou a importancia desta liña de apoio, que contribúe a xerar un valor engadido no territorio, incentivando ás entidades beneficiarias a levar a cabo inversións materiais ou inmateriais para a creación, ampliación e modernización das instalacións agrarias galegas.

Entre os principais obxectivos atópanse mellorar as tecnoloxías e procedementos de desenvolvemento de novos produtos, acadar unha calidade superior que permita a apertura de novos mercados e aumentar o valor das producións agrarias. Neste senso, búscase a creación e modernización de instalacións colectivas para a comercialización en orixe de produtos agrarios, entre outros aspectos.

Convocatoria de 2026

Cómpre salientar o compromiso do Goberno autonómico con esta liña de apoio, que conta este ano cun orzamento total de case 19 millóns de euros ata o 2028, as cales se enmarcan no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac).

Así, dende o 2016 destinaronse máis de 195 millóns de euros para apoiar a 614 proxectos. Ademais, esta iniciativa conta con dúas liñas subvencionables, unha dirixida a inversión con obxectivos ambientais e outra centrada na concesión de aportacións que aumenten o valor das producións agrarias.