A Consellería do Medio Rural destina 1,5 millóns de euros á reforma, acondicionamento e mellora do Centro de Sementes Forestais de Galicia (Semfor), localizado en Carballo e que procesa os froitos e sementes das principais especies arbóreas para o seu subministro a viveiros de toda Galicia.
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou este martes as obras nestas instalacións situadas na parroquia de Bértoa e explicou que os traballos se enmarcan nos obxectivos da revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 ”cara á neutralidade carbónica” e reforzan o compromiso de Medio Rural nos programas de conservación e mellora xenética forestal. Cómpre sinalar que nesta planificación establécese a necesidade de contar cun material forestal de reprodución de alta calidade xenética que permita ás especies forestais prosperar nun medio condicionado por factores coma o cambio climático ou as enfermidades e doenzas.
No ámbito da conservación dos recursos xenéticos forestais, a Consellería xestiona actualmente unha ampla rede de parcelas de alto valor xenético, hortos sementeiros e outras infraestruturas destinadas á conservación e manexo do patrimonio forestal galego. Estas actuacións son fundamentais para garantir a dispoñibilidade de material forestal de reprodución de alta calidade e adaptado ás condicións ecolóxicas de Galicia. Neste sentido, o labor deste viveiro Semfor e os traballos de selección de boas mouteiras no monte permiten a mellora dos procesos que levan a garantir unha semente sa e capaz.
Este centro, denominado tradicionalmente Sequeiro de Carballo, é unha referencia no sector e subministra a súa produción cun prezo público aos viveiros forestais rexistrados, ademais de destinar pequenas cantidades de semente para proxectos de rexeneración, educación forestal, investigación e divulgación.