Como cada primeiro domingo do mes de xullo, miles de persoas da comarca, da provincia e de diferentes puntos de Galicia coincidían na celebración da Festa das Cereixas que acollía o recinto feiral de Paiosaco e que está declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia. Máis de catro toneladas de produto animaban a concurrida asistencia a unha das citas máis esperadas na zona cada verán.
Non hai produto suficiente na comarca para abastecer a demanda que tal día como este domingo se produce desta froita na vila larachesa. Por iso, a inmensa maioría levaban o selo foráneo, moitas delas de Tomavacas e do Val do Jerte en Cáceres. A Cereixa do Jerte inclúe un grupo de variedades autóctonas con Denominación de Orixe Protexida. Entre elas, destacan as Picotas do Jerte, catro variedades locais do Val do Jerte: Ambrunés, Pico Negro, Pico Limón e pico Colorado. A máis doce e que se produce en maior cantidade é a primeira.
O produto vendíase a granel, por quilo, ou en caixas de dous e tres quilos, con prezos que oscilaban entre os 3,5 e os 6 euros. Este ano a colleita foi boa e o produto chegou en inmellorables condicións á cita, pero ademais tamén houbo todo tipo de produtos da horta, comestibles, roupa e calzado, (como de costume).
A onda de calor obrigou ao Concello da Laracha a suspender a actuación da Asociación Cultural Queiroga prevista para a tarde. Radio Cos, un dos grupos musicais galegos de maior proxección e calidade do panorama folclórico actual, achegaba o son puro das pandeiretas e os cantares tradicionais cunha enerxía renovada e contemporánea para pechar a xorbada.
A Feira das Cereixas de Paiosaco é organizada entre o Concello da Laracha e a Comisión de Festas de Paiosaco coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Abanca.