Muxía acollerá, da man da Xunta, a primeira edición das Xornadas de Convivencia e Formación na Industria Musical

2 minutes read

A fin de semana do 29 e 30 de maio Muxía acollerá a primeira edición das Xornadas de Convivencia e Formación na Industria Musical, unha das actividades do programa deste ano do Camiño do emprendemento musical, organizado por Wake Up coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A iniciativa está orientada a introducir, formar e mentorizar á mocidade galega interesada en considerar a industria musical e de eventos como unha posible saída profesional.

Neste sentido, as xornadas, que tamén contan coa colaboración do Camping Lago-Mar, serán un espazo de encontro entre profesionais e afeccionados e ao longo dos dous días terán lugar charlas e obradoiros con profesionais, que achegarán aos participantes os seus coñecementos nos diferentes ámbitos que engloban a industria musical. Ademais, haberá actuacións musicais de artistas galegos e nacionais.

Nesta iniciativa ofértanse 40 prazas, das que 10 están reservadas para persoas usuarias da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que poderán beneficiarse de bolsas para formar parte desta acción. As persoas interesadas en asistir a estas xornadas poderán rexistrarse a través deste enlace da web da Rede de polos no que tamén poderán obter máis detalles sobre a iniciativa.

En concreto, a actividade comezará a partir das 16,30 h do venres 29 de maio, día no que se desenvolverán os obradoiros de promotores de eventos e de programación musical e finalizará con actuacións musicais. O sábado, 30 de maio, empezarán as actividades cunha andaina ás 11,00 h polo Camiño dos Faros – Ponte do Porto. Despois terá lugar un xantar con actuacións musicais e pola tarde serán as sesións de psicoloxía e saúde mental na industria electrónica e sobre o inicio e o desenvolvemento de carreira artística. Posteriormente, desenvolverase o Obradoiro de DJ e rematará con novas actuacións musicais.

Co apoio ao programa Camiño do emprendemento musical, do que forman parte estas xornadas, o Goberno galego promove o emprendemento neste campo a través do contacto directo con profesionais do sector, co fin de que as persoas participantes coñezan de primeira man os seus inicios, os retos actuais e as oportunidades reais de desenvolvemento profesional.