Nace o Balsiña Fest, o novo punto de encontro da cultura urbana en Carballo

2 minutes read

O Concello de Carballo presentou este luns a primeira edición do Balsiña Fest, un festival de cultura urbana de acceso gratuíto que encherá a Skate Praza do Rego da Balsa o sábado 13 de xuño de 2026. Na presentación participaron o alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Mocidade, Daniel Barreiro, e representantes dos pubs da rúa da Estrela.

Nado da colaboración entre a Concellería de Mocidade e os emblemáticos pubs da Rúa da Estrela Magic, Goat, American Dreams e Goldie, este festival é a evolución natural do tradicional Pre San Xoán para transformalo nunha cita moito máis ampla e ambiciosa. Hoxe demos a coñecer o cartel, obra do deseñador gráfico carballés Antón González Barca, unha das promesas locais que participan no evento.

O Balsiña Fest articúlase arredor de tres eixos identitarios:

  1. Música urbana: concertos e sesións de DJs desde o mediodía ata a noite.
  2. Skate jam: organizada man a man co colectivo local de skaters, para converter a Skate Praza nun espazo de pura competición e exhibición.
  3. Instalación artística: unha peza colaborativa coa AC Cascabullo que aposta polo deseño e a creación visual como linguaxe propia da mocidade.

A música será o fío condutor do festival, no que se alternarán grandes promesas estatais con DJ sets e artistas da zona. Como cabeza de cartel, desde Santa Comba chega LG1DO. Con só 18 anos, é unha das voces emerxentes máis potentes da escena urbana estatal. Cunha mestura de galego e castelán melódico, acumula máis dun millón de escoitas, e o seu tema Darche chegou ao TOP 4 do 50 viral de España en Spotify.

Compartindo o liderado do cartel nesta primeira edición estará Collazo, outro dos artistas emerxentes do panorama musical galego. O carballés Tunaboy porá a representación artística local sobre o escenario. E, na cabina, unha coidada selección de DJs locais fará vibrar o parque: Kelsier, Emete, LouLow, Cotelo, DJ Roy e Luciano Macaro.

“Queremos que a mocidade deixe de ser destinataria pasiva e pase a ser protagonista. Queremos demostrar que en Carballo se pode ter vida cultural, profesional e social sen ter que marchar fóra. Quedar é unha opción”, sinalou o concelleiro de Mocidade, Daniel Barreiro.

O festival reivindica tamén a colaboración público-privada como modelo de traballo, sumando o tecido empresarial da hostalaría local ao impulso institucional. “Para nós, o Balsiña Fest é a demostración de que sumando forzas podemos facer medrar Carballo. O Pre San Xoán xa funcionaba moi ben, pero xunto ao Concello conseguimos crear un proxecto común moito máis potente”, apuntaron os representantes dos pubs.

O alcalde, Daniel Pérez, destacou o valor de apoiar este tipo de formatos: “Carballo é un pobo vivo que sabe escoitar e adaptarse aos novos tempos. Con este festival poñemos en valor o talento mozo e demostramos a forza que ten a colaboración entre as institucións e o noso tecido empresarial. Estamos a construír identidade e sentimento de pertenza arredor dun proxecto común e propio”.