O alcalde de Ponteceso resolve unha demanda histórica coa compra de parcelas para aparcadoiros do parque Bouzas

1 minutes read

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, continúa avanzando na mellora de servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas. Tanto é así, que o rexedor acaba de desbloquear unha demanda histórica da veciñanza: a adquisición de varias parcelas fronte ao parque Bouzas para a creación de novos aparcadoiros. O Concello formalizou, esta semana, a adquisición destes terreos, unha operación que se pechou en 65.107,50 euros tras chegarse a acordo coas familias.

O primeiro edil incide na importancia desta actuación, «coa que se resolverá unha petición moi demandada desde hai anos». Mato explica que este acordo é froito do traballo realizado desde o Concello, «pero tamén da boa disposición das familias Couto-Torrado, Torrado-Rellán e Valdés, ás que quero agradecer a súa colaboración para facer realidade un proxecto de grande interese xeral e relevancia para Ponteceso».

Coa compra dos terreos finiquitada, o Concello centrarase agora en xerar os créditos suficientes para executar as obras á maior brevidade. En total, habilitaranse 30.000 metros cadrados en pleno núcleo urbano nos que se habilitarán novas zonas de lecer para a cidadanía e, fundamentalmente, novos aparcadoiros. Esta futura zona no parque Bouzas sumarase a outras habilitadas, recentemente, polo Concello. É o caso da creada a principios de ano na avenida Anllóns.

Como sinala o alcalde, a creación de novas prazas de estacionamento «supón un importante avance para mellorar a mobilidade da cidadanía, ao tempo que contribúe a dinamizar o tecido comercial e hostaleiro do municipio, favorecendo a súa actividade e competitividade».