Trátase dun espectáculo cómico, irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais.
Alta Costura retrata o percorrido da produción da roupa dende a orixe da materia prima empregada na fabricación dos tecidos ata a confección das pezas, a súa distribución e a perversidade dos mecanismos de reciclaxe.
O espectáculo dá especial relevancia aos mecanismos de venda, ao espazo sensorial da tenda e á relación contemporánea que o gran público mantén co acto de mercar e tirar roupa. Alta Costura detense detalladamente na “fast-fashion”: o momento da compra, a filosofía de mercado empregada polas principais marcas e pola rapidez con que os produtos se desvalorizan, caen en desuso e se transforman en residuos abundantes e altamente contaminantes.
Alta Costura é unha creación de teatro visual. A estrutura escénica, as actrices, os actores, as bailarinas, os bailaríns e a música constitúen un organismo vivo en constante movemento e transformación que comunica a través dos sons, dos obxectos, das cores, das formas, dos movementos e das palabras.
A cita está servida, será este sábado 21 de novembro ás 20:30 horas no Auditorio de Vimianzo. Unha nova oportunidade para descubrir outras linguaxes escénicas e gozar do teatro en directo. O prezo das entradas será a 5 euros e a reducida a 2,50 euros.
