O Goberno aprobou este martes as actualizacións do salario mínimo interprofesional (SMI) e do soldo dos funcionarios nun 5,3% e un 4,5%, respectivamente. O SMI pasará en xaneiro de 1.221 euros a 1.286 euros brutos ao mes en 14 pagas, 65 euros máis en cada nómina, e non se lle aplicarán retencións do imposto sobre a renda (IRPF). A remuneración mínima legal en España fíxase así en 18.004 euros anuais para o próximo ano, o equivalente a 42,87 euros diarios, tras un incremento que supera a inflación acumulada ata outubro (4,3%) e a proposta da comisión asesora do Ministerio de Traballo (4,9%). Beneficiará a uns 2,7 millóns de traballadores, sobre todo mulleres e novas, consonte o Executivo, e notarase «desde a primeira nómina», segundo anunciou o ministro de Facenda, Arcadi España, xunto cunha maior redución fiscal para as rendas baixas. A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, destacou o «éxito» do salario mínimo en reducir a diferenza entre os salarios máis altos e os máis baixos e a brecha de xénero. Os sindicatos maioritarios, CCOO e UXT, apreciaron a decisión, aínda que pedían unha alza máis ambiciosa (do 7%) e que se cambiasen as regras para evitar a absorción e compensación a través dos pluses. En cambio, o presidente da patronal CEOE, Antonio Garamendi, criticou que o Ministerio de Traballo lles «informase» e non lles «consultase» a medida.
0
