O Concello de Carballo renova a súa colaboración con Vieiro

2 minutes read

O Concello de Carballo e a Asociación Antidroga Vieiro renovaron este martes a súa colaboración para dar continuidade aos programas de prevención das adiccións, atención ás persoas afectadas e acompañamento ás súas familias. O alcalde, Daniel Pérez, e a presidenta da entidade, Fina Rey Baldomir, asinaron un convenio que establece unha achega municipal de 6.000 euros para cofinanciar a actividade da asociación durante este ano.

Ao acto, celebrado na Alcaldía, asistiron tamén a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures, e representantes da asociación Vieiro.

O acordo abrangue o servizo de información, orientación e asesoramento a persoas con adiccións e ás súas familias, así como os programas de inserción para a inclusión social. Tamén contempla o apoio ás persoas sen recursos para facilitar a súa asistencia a centros específicos de desintoxicación e rehabilitación, incluídos os gastos de traslado.

A prevención constitúe outro dos eixes da colaboración. Vieiro desenvolve ao longo do ano programas de información e formación nos ámbitos comunitario, escolar, familiar, xuvenil e laboral, ademais de actividades transversais destinadas a promover a saúde e previr as condutas adictivas.

A achega municipal contribuirá ao sostemento do equipo profesional e dos recursos necesarios para desenvolver estas actuacións. O convenio inclúe tamén a atención xurídico-social a persoas e familias con problemas relacionados coas adiccións.

O traballo da asociación realizarase en coordinación cos centros e servizos sanitario-asistenciais do municipio e cos programas municipais, co obxectivo de ofrecer unha resposta coordinada ás necesidades das persoas usuarias. O acordo prevé, ademais, a colaboración con outras entidades e administracións interesadas en participar nas iniciativas.

Unha colaboración que se mantén desde 1991

A sinatura dá continuidade a unha relación de máis de tres décadas: Vieiro desenvolve actuacións de prevención en colaboración co Concello de Carballo desde 1991 e coa Consellería de Sanidade, desde 1992.

A asociación, unha entidade sen ánimo de lucro inscrita nos rexistros de entidades prestadoras de servizos sociais e de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, foi declarada en 2005 de interese para a comunidade autónoma galega en materia de drogodependencias.

Con este convenio, o Concello de Carballo mantén o seu apoio ao labor de Vieiro na prevención das adiccións e na atención ás persoas e ás familias que precisan orientación, acompañamento e recursos para avanzar na súa recuperación e inclusión social.