A CIG-Saúde denuncia que o pasado xoves, 12 de novembro, chegou un novo helicóptero á base do 061 de Santiago de Compostela, pero a aeronave segue sen estar operativa. Segundo a información á que puido acceder o sindicato, o helicóptero non pode voar debido a problemas de homologación na súa configuración. Porén, a dirección non lle facilitou explicacións ao persoal nin aclarou cando poderá entrar en funcionamento.
Ademais na mesma helisuperficie continúa un segundo helicóptero que tampouco pode voar, malia o problema de seguridade que supón ter dúas aeronaves no mesmo espazo no caso de que algunha delas poida actuar.
Esta nova incidencia prolonga a inoperatividade do servizo, interrompido desde o pasado 6 de novembro, e evidencia, unha vez máis, a falta de previsión e de información por parte da dirección do 061.
A CIG-Saúde lembra que as traballadoras e os traballadores queren prestar o seu servizo e atender as emerxencias sanitarias, pero necesitan información precisa, prazos e garantías. “O persoal quere traballar, quere saber cando poderá facelo e en que condicións. Queren información e claridade, pero parece que nada diso é unha prioridade para a Administración”, critican.
Empresa en concurso e con problemas de liquidez
O sindicato considera inadmisíbel que se pretenda garantir a continuidade dun recurso sanitario esencial mantendo a prestación cunha empresa en concurso de acredores e con serios problemas de liquidez que acaban repercutindo directamente no funcionamento do servizo.
Esta situación non só compromete a estabilidade e a continuidade dun recurso fundamental para a atención ás emerxencias sanitarias, senón que tamén traslada unha sensación de inseguridade e incerteza ás persoas profesionais que traballan nel. “Non se pode normalizar que un servizo esencial dependa dunha compañía que xera dúbidas sobre a súa capacidade para garantir unha prestación adecuada e segura”, inciden.
A esta situación súmase a falta de información sobre a nova licitación do transporte sanitario aéreo, pendente desde hai dous anos. A Administración continúa sen aclarar os prazos do novo contrato nin as condicións nas que se garantirá a prestación deste servizo esencial.
Ante esta situación, CIG-Saúde esixe á dirección do 061 e á Xunta que aclare:
- Que problemas presenta o novo helicóptero e por que non pode voar? Cando está previsto que entre en funcionamento?
- Que medidas se están adoptando para garantir a operatividade e a seguridade da aeronave?
- En que situación se atopa a nova licitación do transporte sanitario aéreo e cando se prevé a súa adxudicación?
- Que garantías ofrece a Administración para asegurar a continuidade do servizo ante a situación económica da empresa adxudicataria?
A CIG-Saúde esixe á dirección do 061 garantías de seguridade para profesionais e pacientes E información inmediata, transparencia e solucións concretas.
