Carballo, concello pioneiro en implantar un sistema intelixente para optimizar a recollida do residuo téxtil

3 minutes read

Insertega, a empresa de economía social que se encarga da xestión deste residuo en Carballo, presentou a iniciativa, que está baseada na instalación de sensores volumétricos nos colectores e na utilización de intelixencia artificial para planificar as rutas dos vehículos.

O sistema foi presentado coa participación do alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, e o director xeral de Insertega, Juan Meijide, que explicou o funcionamento dunha tecnoloxía que xa está instalada nos máis de trinta colectores de téxtil situados no municipio.

Os sensores, colocados no interior da parte superior de cada colector, miden cada hora o seu nivel de enchido. A información recompilada permite elaborar diariamente un informe sobre o estado de toda a rede e, a partir deses datos, organizar mediante intelixencia artificial as rutas de recollida do día seguinte.

Segundo explicou Juan Meijide, o sistema ten en conta non só o volume de cada colector, senón tamén os recursos dispoñibles —vehículos e persoal— e diferentes condicionantes operativos, como os quilómetros que pode realizar cada vehículo, o número máximo de colectores que pode atender ou as horas de condución. O resultado son rutas dinámicas que se adaptan cada día ás necesidades reais, evitando desprazamentos a colectores que aínda non precisan ser baleirados.

«Carballo é o primeiro concello no que instalamos este sistema, que nos permite coñecer en todo momento o nivel de enchido dos colectores e optimizar as rutas de recollida», sinalou o director xeral de Insertega.

Menos desprazamentos e máis información

A implantación dos sensores ten tamén unha dimensión ambiental. Ao reducir os quilómetros necesarios para realizar a recollida, diminúe o consumo de combustible e a pegada de carbono asociada ao transporte, ao tempo que se mellora o aproveitamento dos recursos.

Para o alcalde, Daniel Pérez, trátase dunha iniciativa que suma dous obxectivos ambientais. «Ao mesmo tempo que favorecemos a reutilización do residuo téxtil, reducimos tamén a pegada de carbono da propia recollida grazas a percorridos máis eficientes», destacou.

O alcalde agradeceu ademais a Insertega que escollese Carballo para estrear este sistema, unha decisión que, ao seu xuízo, «confirma a vontade do Concello de estar á vangarda na aplicación de solucións innovadoras que permitan mellorar os servizos e facer un uso máis eficiente dos recursos».

Outro dos aspectos destacados é a obtención de datos máis precisos sobre o uso dos colectores e a cantidade de residuo téxtil xerado, unha información que permitirá coñecer mellor os hábitos de depósito, avaliar a evolución da recollida e planificar o servizo con maior precisión.

O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, salientou neste sentido que «medir e coñecer mellor os residuos que xeramos é fundamental para poder xestionalos mellor», e incidiu na importancia de combinar a prevención, a reutilización e a reciclaxe cunha xestión cada vez máis eficiente.

Un residuo cun importante impacto ambiental

A recollida separada de roupa, calzado e outros produtos téxtiles permite alongar a vida útil dos materiais e favorecer a súa reutilización ou reciclaxe, e deste xeito redúcese a necesidade de fabricar novos produtos nun sector cun elevado consumo de recursos e impacto ambiental.

A través deste novo sistema, Carballo dá un novo paso na aplicación da tecnoloxía á xestión dos residuos, mediante a incorporación de sensores, análise de datos e intelixencia artificial a un servizo que ata agora se organizaba fundamentalmente a partir de rutas preestablecidas.

A experiencia posta en marcha no municipio servirá ademais a Insertega para avanzar na implantación progresiva deste modelo noutros concellos nos que presta o servizo de recollida de residuo téxtil.