O equipo cadete masculino caeu na final fronte ao Marítimo de Madeira tras completar o torneo invicto, nunha cita que reuniu preto de 2.000 deportistas de varios países
Tres equipos das Escolas Balonmán Xiria — dous masculinos e un feminino, todos en categoría cadete (sub16) — competiron do 8 ao 12 de xullo no torneo internacional Paredes Handball, que se celebra cada mes de xullo na localidade de Paredes, veciña de Oporto (Portugal), e que reúne anualmente preto de 2.000 deportistas de diferentes países.
A expedición carballesa estivo formada por 40 deportistas e 7 persoas do equipo técnico, e enfrontouse a equipos portugueses, brasileiros e a seleccións autonómicas como a rioxana.
O primeiro equipo masculino acadou o subcampionato na categoría sub16 tras caer na final fronte ao Marítimo de Madeira. Ata ese momento non perdera ningún partido, con vitorias destacadas fronte ao Farroupilha brasileiro ou o Lanzarote.
Os outros dous equipos tamén asinaron unha actuación sobresaliente. O segundo equipo masculino só perdeu un dos oito partidos que disputou, precisamente contra o Marítimo, que o apartou da loita pola final. En categoría feminina, as carballesas contaron por vitorias os seus partidos da fase de grupos — entre eles fronte á selección da Rioxa (25-21) — e caeron en cuartos de final por un axustado 26-27 fronte á SAR de Redondela.
O obxectivo do club nesta cita era ofrecer aos deportistas unha boa experiencia competindo contra equipos de diferentes procedencias e estilos, como preparación para a próxima tempada e para consolidar os grupos. A intención do Balonmán Xiria é regresar no novo curso con máis equipos de formación.
Ata a localidade portuguesa achegáronse ademais numerosas persoas da comarca de Bergantiños para animar aos deportistas do Xiria durante toda a semana.