O BNG vén de acadar o compromiso da directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza, de realizar un estudo de seguridade viaria na AC-445 ao seu paso por Estorde, no municipio de Cee. A formación nacionalista leva reclamando desde hai tempo que a Xunta de Galiza instale no lugar pasos de peóns e sinais de redución da velocidade a 50 km/h, tendo en conta o tránsito de persoas, que se manifesta con máis intensidade no verán, ademais do fluxo de peregrinos e peregrinas que camiñan polo lugar e que teñen que cruzar a estrada.
O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, interpelou sobre esta cuestión á directora da AXI este venres 22 de maio na Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento galego, e lembrou que o goberno galego instalou en Estorde hai uns meses dúas marquesiñas para as paradas de autobús. “O máis lóxico é que se proceda a habilitar pasos de peóns para aquelas persoas que necesitan cruzar a estrada sen que se produza unha situación de perigo”, sinalou o deputado nacionalista.
Ademais, Insua criticou os “cero investimentos” da Xunta nas travesías de Cee, e lamentou que “leven tantos anos para acometer obras de mellora de seguridade neste municipio, tendo en conta que nos últimos anos rexistráronse varios atropelos, e incluso houbo dúas persoas falecidas”.
O parlamentario do BNG subliñou que a solicitude de melloras na seguridade viaria, tanto en Estorde como nas travesías de Cee, é unha cuestión demandada pola veciñanza, e indicou que o asunto relativo a Estorde xa foi tratado na cámara galega o ano pasado, dando traslado ás peticións recollidas polo BNG ceense. En febreiro deste ano, e logo da colocación de dúas marquesiñas, Oscar Insua volveu a insistir con diversas iniciativas parlamentarias.
Oscar Insua manifestou na comisión que “agradecemos o compromiso da Directora Xeral para que se faga ese estudo de seguridade vial, e insistimos en que se faga no verán, e que se calcule o tráfico de vehículo como o cruzamento de persoas. Esperamos que con ese estudo se poidan implementar medidas que aumenten a seguridade para a veciñanza, como os pasos de peóns e a redución da velocidade a 50 Km/h. Imos estar moi atentos para que cumpran este compromiso de hoxe”.