O BNG de Fisterra criticou a inacción do goberno local do PP e lamentou que os proxectos que son importantes para a localidade están paralizados. «O municipio leva máis dun ano sen rumbo, desde que saíu adiante a moción de censura que impulsou o Partido Popular cun concelleiro tránsfuga», indicou a formación nacionalista.
«Un dos temas máis importantes e urxentes para a veciñanza de Fisterra é a construción dun novo centro de saúde, e o goberno municipal non foi quen de dar pasos adiante para que sexa unha realidade. Só temos noticias de que están buscando un terreo que non sabemos onde está situado; non entendemos a razón de tanto escurantismo», sinalaron os nacionalistas.
O BNG considera «un despropósito» por parte do equipo de goberno «que desboten o emprazamento que xa existía para o centro médico, que foi proposto polo BNG, e que estean pensando na compra dunha nova parcela, que o que vai facer é retrasar aínda máis a súa construción». E lembrou o acordo ao que se chegou o ano pasado no Parlamento galego entre as forzas políticas, impulsado polo deputado nacionalista Oscar Insua, e ao que se sumou o PP, no que se instaba ao Concello de Fisterra a realizar as xestións necesarias para a cesión á Xunta dun terreo municipal situado en San Roque».
«Esta parcela pública tiña que estar xa cedida porque había cartos e compromiso para facer o proxecto, e para este ano xa podería haber diñeiro nos orzamentos da Xunta para construír o novo centro de saúde», engadiu a organización nacionalista, que cre que o alcalde «o único que fixo foi retrasar todo en conivencia co PP de Rueda para ter a escusa de non facelo, actuando como un mandatario sumiso e poñendo os intereses do PP por riba dos de Fisterra».
Ademais, a formación nacionalista denunciou que «seguimos sen servizo de pediatría, sen que o executivo local teña feito nada para remediar esta situación. E no CEIP Mar de Fóra temos unha obra inacabada, xa que parte do acceso a unha das instalacións, e que está utilizada como patio de recreo, atópase nunha situación deplorable e perigosa para o alumnado». Subliñou, así mesmo, o abandono no que se atopan outros espazos públicos como paseos, parques e accesos a praias.
O BNG tamén recalcou «a pouca celeridade» para acometer a rehabilitación da Capela do Bo Suceso, «que se atopa nun estado lamentable desde hai tempo». E criticou que o goberno do PP non foi capaz de desenvolver na práctica a ordenanza de autocaravanas aprobada en pleno hai máis dun ano.
Moción de censura
«A parálise que vivimos é froito dunha moción de censura irresponsable pensada só en tocar poder a calquera prezo, e as consecuencias estámolas a sufrir no día a día toda a veciñanza en servizos básicos», afirmou a portavoz municipal da organización nacionalista, Tereixa Fernández, que apuntou que a moción de censura «non resolveu ningún problema dos relatados no discurso do actual alcalde cando foi elixido, e para o único que serviu foi para facer bailes os domingos e para ter un rexedor que non é molesto para a Xunta, porque por pedir non pide nin para arranxar as fochancas das estradas».
A voceira do BNG fixo pé en que «o PP neste tempo gobernou de rendas, pois todas as obras, infraestruturas, programacións e mesmo os orzamentos son herdados de anteriores gobernos nos que participou o BNG».
Fernández preguntouse «que fan os amigos do PP na Xunta que non interveñen nestes ou noutros moitos proxectos como son o do Cabo Fisterra, a xestión do Faro ou a necesidade de ter unha residencia da terceira idade, agora que a Xunta anunciou 1.800 prazas novas para as persoas maiores”.
