O BNG da Costa da Morte participa nunha conferencia sobre desenvolvemento rural no Parlamento Europeo

2 minutes read
Cristina Vázquez, concelleira do BNG de Laxe, e Xurxo Rodríguez, edil do BNG de Camariñas; xunto á eurodeputada do BNG Ana Miranda. Diante da sede do Parlamento Europeo en Bruxelas. _Cedida.

O BNG de Bergantiños e da Costa da Morte estarán presentes nunha conferencia centrada nas políticas comunitarias  sobre agricultura, cohesión e desenvolvemento rural, que se celebra este xoves 15 de outubro no Parlamento Europeo.

Cristina Vázquez del Prisco, portavoz municipal do BNG de Laxe, e Xurxo Rodríguez Baña, concelleiro do BNG de Camariñas, forman parte da delegación galega que viaxa a Bruxelas e representarán ás dúas comarcas no evento coorganizado pola eurodeputada Ana Miranda, no marco das Conferencias tituladas «Agricultura e Políticas de Cohesión Territorial: Dereito a Ficar na terra, Vivenda, Transporte e Servizos Públicos».

Nas xornadas de traballo participarán tamén representantes do BNG de zonas afectadas polo despoboamento, a escasa remuda xeracional ou o abandono e precarización dos servizos públicos.  A delegación manterá encontros de traballo de alto nivel co Director Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Ricard Ramon, para trasladarlle as demandas do sector agrogandeiro de Galiza sobre as negociacións e o futuro orzamento da Política Agraria Común (PAC).

Cristina Vázquez manifestou  que «en Laxe sabemos ben o que significa defender o dereito a vivir na nosa terra. Significa que a nosa mocidade poida construír aquí o seu futuro, que haxa vivenda accesible, servizos públicos de calidade e oportunidades para vivir e traballar sen ter que marchar. E que as persoas maiores poidan quedar e ser coidados con garantías e dignidade.

A concelleira do BNG engadiu que «defender o rural tamén é defender os nosos núcleos de poboación, a actividade do mar e o futuro das nosas parroquias. Non queremos que Laxe sexa só un lugar atractivo para visitar, queremos que siga sendo, por riba de todo, un lugar no que poder vivir».

Pola súa banda, Xurxo Rodríguez salientou que «Bergantiños e a Costa da Morte son dous territorios cun enorme potencial, pero tamén con problemas compartidos que precisan respostas: o despoboamento, o envellecemento, as dificultades de acceso á vivenda, a falta de oportunidades para a mocidade e as carencias nos servizos e nas comunicacións. Defender o dereito a vivir na terra significa garantir que as persoas poidan desenvolver aquí o seu proxecto de vida, mantendo vivos os nosos sectores produtivos e as nosas comunidades. É importante que esta realidade chegue ao Parlamento Europeo, porque o futuro do rural tamén depende das decisións que se toman en Bruxelas.”

Ana Miranda explicou que «ou vén o Bloque con esta delegación galega a falar directamente coa Comisión Europea, ou ninguén nos defende en Europa; no BNG somos a voz do agro e das nosas vilas en Europa».

A eurodeputada sinalou que “estamos negociando os fondos europeos do vindeiro marco orzamentario comunitario e a posibilidade de que os Concellos poidan xestionar estes cartos directamente, fronte a ofensiva de centralización proposta pola Comisión e defendida polo PP europeo”.