O BNG de Bergantiños premia a establecementos da comarca que contribúen á normalización da lingua galega

2 minutes read

O BNG de Bergantiños vén de presentar os Premios BNG (Bergantiños Negocios en Galego), para recoñecer ás empresas que contribúen á presenza normalizada da lingua galega no ámbito económico, demostrando que o idioma tamén é unha lingua de empresa, innovación, calidade e futuro. Estea premios son unha continuidade e, ao mesmo tempo unha renovación, dos Premios Patria e Lingua, que se viñan celebrando na comarca de Bergantiños hai uns anos.

O acto de entrega dos premios terá lugar o vindeiro xoves 23 de xullo, ás 20:00 horas, na Eira Bar de Ponteceso. Contará coas intervencións de Fátima Rodríguez, portavoz do BNG de Ponteceso; Daniel Pérez, alcalde de Carballo; e Carme da Silva, senadora do BNG. Este evento forma parte da celebración da semana da Patria Galega (25 de xullo), e haberá presenza de representantes do BNG das sete localidades da comarca, ademais do responsable comarcal, Xosé Manuel Pose, e o deputado do BNG no Parlamento galego por Bergantiños, Oscar Insua.

Os negocios premiados son “Fíos de Cores”, en Ponteceso; “Libraría Risón”, en Laxe;  “María Moda”, na Laracha; e “Lenda”, en Carballo. A formación nacionalista subliñou que Bergantiños “é unha terra de persoas emprendedoras, de pequenos comercios, empresas familiares, industrias e iniciativas que medran sen perder a conexión co lugar onde nacen”.

O BNG considera que nas mencionadas empresas a lingua galega forma parte da súa maneira de traballar, de atender á clientela, de crear confianza e de construír relacións. “Cada vez son máis os negocios que o empregan con naturalidade: no seu nome, na comunicación, na atención diaria e na forma de proxectar a súa identidade”, sinalou a organización nacionalista.

“Queremos poñer en valor os negocios que crean riqueza na comarca e que fan do galego unha ferramenta útil para comunicar, diferenciarse e fortalecer a confianza coa súa clientela. Porque un negocio tamén fala da terra á que pertence”, afirmaron desde o BNG de Bergantiños.

Ademais, os nacionalistas incidiron en que os premios queren visibilizar boas prácticas e recoñecer o compromiso de quen entende que a proximidade, a identidade e a confianza tamén se expresan a través da lingua. “Recibir o Premio BNG (Bergantiños Negocios en Galego) é un recoñecemento ao traballo ben feito e á contribución das empresas que fan medrar Bergantiños sen renunciar ao que as fai únicas”, remarcou o BNG.