O BNG de Bergantiños rexeita o uso partidista da FEMP na convocatoria sobre Ceuta

2 minutes read

O BNG de Bergantiños manifesta o seu respecto e solidariedade coa cidadanía de Ceuta e coas súas institucións ante a situación vivida nas últimas semanas, mais cuestiona a forma na que a presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), María José García-Pelayo, está utilizando esta institución para promover unha convocatoria nos concellos de todo o Estado.

A presidenta da FEMP anunciou concentracións para este mércores, 2 de setembro, ás 20.00 horas diante dos concellos, coincidindo co Día de Ceuta. A convocatoria foi realizada directamente pola presidenta, sen que, segundo denunciaron os grupos políticos representados na FEMP, existise un acordo previo dos seus órganos de goberno nin consenso entre as distintas formacións.

Para o responsable comarcal do BNG de Bergantiños, Xosé Manuel Pose, “non se pode confundir a solidariedade coa cidadanía de Ceuta coa utilización partidista dunha institución que debe representar ao conxunto do municipalismo”. En consecuencia, a formación nacionalista anunciou que os concelleiros e concelleiras do BNG na comarca de Bergantiños non participarán nas concentracións que convocou a presidenta da FEMP.

“O BNG non cuestiona a solidariedade con Ceuta nin o apoio aos seus veciños e veciñas. O que cuestionamos é que a presidenta da FEMP fale en nome dos 8.132 concellos sen contar previamente co resto de grupos que forman parte da Federación”, sinala Pose.

O BNG considera especialmente preocupante que a convocatoria se integre nunha serie de decisións adoptadas unilateralmente pola presidencia da FEMP, entre elas a decisión de trasladar a Ceuta a Xunta de Goberno da Federación e a cesión ao presidente ceutí, Juan Vivas, do posto de representación da propia presidenta no Comité Europeo das Rexións. Estas decisións tamén foron cuestionadas por outros grupos da FEMP, que reclamaron respecto polos procedementos e polo consenso institucional.

Neste sentido, o BNG considera que o funcionamento das entidades que representan ao municipalismo, tanto no ámbito estatal como no galego, debe estar baseado no diálogo e no respecto á pluralidade política. A FEMP e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) desempeñan funcións de representación do municipalismo e, precisamente por esa responsabilidade, deben preservar a súa natureza institucional e evitar que as súas estruturas sexan empregadas como instrumentos de confrontación partidista.

“A FEMP non é unha institución do Partido Popular. É a federación que representa os concellos, deputacións, cabidos e consellos insulares, e por iso as súas posicións deben construírse desde o diálogo, o acordo e o respecto á pluralidade política. O mesmo principio debe rexer no ámbito galego para a Fegamp”, afirma o responsable comarcal. O BNG defende que calquera pronunciamento ou mobilización promovida por unha entidade de representación municipal debe contar co coñecemento e participación dos diferentes grupos que forman parte dos seus órganos de goberno.