O BNG de Camariñas critica a xestión das obras de reforma do CEIP O Areal no comezo do curso escolar

1 minutes read

O BNG de Camariñas criticou a xestión das obras de reforma do CEIP O Areal, indicando que o centro «atópase nun lamentable estado neste inicio do curso escolar, o que dificulta o desenvolvemento da actividade da comunidade educativa».

Os nacionalistas sinalaron que a rehabilitación do colexio, iniciada en xullo, «non avanzou todo o que se podía prever durante os meses de verán, o cal pode indicar que a finalización da reforma non se produza en xaneiro, como está previsto nos prazos de execución».

O BNG considera que unha mostra da «penosa situación» na que está o CEIP O Areal nestes momentos é que aínda hai depositado material de amianto nun patio interior do centro, que debería estar retirado antes do comezo das clases”. Ademais apuntou que, debido ás obras, os nenos e nenas non teñen espazo suficiente para o seu tempo de recreo.

«Non é normal que comece o curso escolar así, co desastre que hai no colexio tanto por dentro como por fóra, e xa houbo protestas por parte de familias de alumnado da escola», afirmou a formación nacionalista, que instou á Xunta de Galiza «a que faga o posible para atopar unha solución e que a necesaria reforma do edificio educativo sexa o menos molesta posible para a comunidade escolar e o desenvolvemento da actividade».