No pleno ordinario de Fisterra, celebrado este xoves 4 de xuño, foron aprobadas dúas mocións presentadas pola portavoz municipal do BNG, Tereixa Fernández. A primeira para reclamar á Xunta a eliminación das peaxes na autovía AG-55, e aprobada por unanimidade. E unha segunda para instar ao goberno local a levar a cabo un estudo e unha campaña de información pública sobre a vivenda no concello, sobre a que se atopa baleira e a que debe ser rehabilitada, e promover a inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en Galiza dos residentes que a precisen. E ademais, para instar ao Concello a que ceda ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) parcelas municipais de solo urbano, e edificios que precisan ser rehabilitados, co fin de crear vivenda pública. (A favor: BNG e PSOE / Abstención: PP e Alternativa dos Veciños / En contra: edil non adscrito Francisco Martínez).
Tereixa Fernández tamén preguntou ao goberno municipal en que estado se atopa a tramitación ante o Rexistro da Propiedade dos terreos municipais de San Roque, onde o BNG propuxo que se constrúa o novo centro de saúde.
A voceira do BNG lembrou que o parlamento galego, a iniciativa do deputado do BNG Oscar Insua, aprobou por unanimidade o ano pasado unha iniciativa que incluía que o Concello de Fisterra cedese á Xunta esa parcela municipal para construír o centro médico. E sinalou que nos orzamentos da Xunta para este ano hai diñeiro habilitado para redactar o proxecto de construción do centro de saúde.
Ademais, afirmou que o executivo municipal leva case un ano gobernando e aínda non cederon ningún terreo ao goberno galego, e córrese o risco de perder os cartos da Xunta para iniciar os trámites do novo centro médico.