O BNG de Muxía rexistrou dúas mocións, que serán debatidas no vindeiro pleno municipal, nas que solicita ao goberno local que execute un plan de instalación de paneis informativos, procurando que conten con polo menos un punto accesible, visible e situado nun lugar frecuentado pola veciñanza, así como a mellora e mantemento da sinalización toponímica, que contemple a instalación de novos indicadores nos accesos e cruzamentos onde sexan necesarios, e a limpeza, reparación ou substitución dos sinais deteriorados, respectando a normativa de seguridade viaria.
A formación nacionalista pide ao Concello que realice un estudo das necesidades de instalación de paneis informativos nos núcleos rurais do concello, identificando os que carezan de espazos para a colocación de información de interese xeral. Tamén insta a difundir normas de utilización e mantemento que garantan a conservación dos soportes, e incorporar as dotacións económicas necesarias para levar a cabo esta iniciativa e promover o uso destes espazos.
En canto á sinalización toponímica, o BNG solicita ao executivo local que realice un inventario e unha revisión dos indicadores dos lugares nas estradas e camiños de titularidade municipal, identificando os que carezan de indicadores, aqueles nos que a sinalización resulte insuficiente, e os sinais deteriorados, con falta de visibilidade ou denominacións modificadas polo Nomenclator de Galiza actualizado.
Ademais, os nacionalistas piden ao Concello que traslade ás administracións titulares das estradas provinciais e autonómicas as deficiencias detectadas na sinalización dos núcleos do concello, solicitando a instalación, mantemento e corrección dos indicadores que sexan da súa competencia e promovendo actuacións coordinadas.
Respecto da falta de paneis onde colocar información, a portavoz municipal do BNG, Mercé Barrientos, manifestou que «a veciñanza non dispón lugares para difundir comunicacións importantes para a comunidade, e acaba situándoas en postes da luz, contedores ou pés de cabazo».
A voceira nacionalista sinalou que «nos últimos anos, a difusión de información municipal e de actividades de interese xeral tende a realizarse cada vez máis a través das redes sociais, mais unha parte da poboación, especialmente a de maior idade, non utiliza estes medios, o que provoca que non teñan coñecemento de convocatorias, actividades culturais, iniciativas das asociacións, avisos municipais ou información relevante para a vida comunitaria».
Barrientos indicou, así mesmo, que «é necesario o arranxo dos indicadores toponímicos que están en mal estado, xa que no municipio hai moitos que se atopan ilexibles, tirados ou cubertos pola broza».
A portavoz do BNG engadiu que «a existencia dunha sinalización suficiente, clara e correctamente situada resulta fundamental para facilitar a identificación das poboacións, a mobilidade da veciñanza e o acceso das persoas visitantes que se desprazan polo territorio; a falta de indicadores, o deterioro dos existentes e a presenza de sinais pouco visibles, dificulta a localización dos lugares, especialmente para quen non os coñece».
