O BNG de Ponteceso pide á Xunta que non autorice a pavimentación proxectada no camiño da Barra

3 minutes read

O BNG de Ponteceso está a presentar alegacións ante o proxecto municipal «Senda peonil e acondicionamento ambiental do esteiro do Anllóns e da enseada da Insua», ao considerar que non está suficientemente acreditada a súa compatibilidade cos valores naturais deste espazo protexido e catalogado como Zona de Especial Protección de Aves pola Rede Natura 2000.

O proxecto, dividido en dúas fases, afecta á senda que vai desde o lugar de Currás cara a praia da Barra, pasando por diante do observatorio de aves.

Esta senda, cuxo atractivo, para veciños e visitantes, radica precisamente no seu mantemento como espazo natural e non urbanizado, pretendese pavimentar con “formigón pobre” nun total de 1.100 metros (625m na fase I e 475m na fase II) de percorrido cun ancho de 2,50metros en toda a lonxitude.

O proxecto pretende presentar a intervención como unha “reparación” da senda actual, pero a realidade é que a senda, no seu estado actual, é perfectamente transitable na case totalidade do ano, e a nova plataforma prevista no proxecto de 2,50m é, en moitos treitos, maior que o ancho actual.

Así pois, máis aló do cuestionamento dos materiais previstos, a intervención non se trata dunha simple limpeza ou reparación do camiño nalgún punto concreto senón dunha transformación construtiva cuxa necesidade non está xustificada.

O custo desta intervención suporía un investimento de case 200.000€ (104.318,84 € da fase I máis 74.008,45 da fase II)

“A ambición de conseguir  subvencións e investimentos externos para Ponteceso non pode supoñer estragar a biodiversidade e saltar a protección dunha zona tan sensible como esta, desde o BNG non apoiaremos investimentos a calquera custo.”

Dada a sensibilidade ambiental do Esteiro do Anllóns e da Praia da Barra, calquera tipo de intervención debe supoñer o menor impacto posíbel no habitat da avifauna e precisa de estudos de impacto e alternativas serios e rigorosos, mentres que no proxecto presentado para a tramitación do proxecto ante a Xunta non se inclúe este tipo de documento.

O BNG reclama que se avalíen medioambientalmente as dúas fases en conxunto, que se aclare o alcance da concesión de ocupación do dominio público marítimo-terrestre e que se xustifiquen os recheos e os sistemas de drenaxe previstos, así como a necesidade e afeccións ao medio da instalación de mobiliario urbano na senda.

A formación nacionalista insiste en que non se opón ao mantemento nin ao uso peonil do espazo, pero considera inxustificada esta actuación coa definición recollida no proxecto.

“Non se pode confundir mellorar un camiño con transformar innecesariamente un espazo natural protexido”.

O proxecto tamén pretende parapetarse en valores como a accesibilidade para avaliar a necesidade da intervención, pero non se inlclúe ningún estudo rigoroso ao respecto de que puntos concretos do camiño precisan unha mellora neste sentido, “a accesibilidade merece moito máis respecto que unha invocación xenérica como se de un comodín se tratase”.

Por todo isto, o BNG solicita que non se outorgue a concesión de ocupación do dominio público marítimo terrestre na configuración actual do proxecto e anima á veciñanza a tomar parte do proceso de información pública presentando alegacións ata o día 17 deste mes para que este proxecto non se materialice.