O BNG de Vimianzo mantivo unha xuntanza con familias e veciñanza de Baíñas para analizar a redución de seis a catro docentes no CEIP anunciada pola Consellería de Educación.
“Consideramos que esta medida supón un peche encuberto, pois a agrupación de niveis pode xerar desconfianza nas familias e acelerar o debilitamento do centro”, apuntaron os nacionalistas.
Na reunión, familias e BNG de Vimianzo coincidiron en implicar a todos os grupos municipais e solicitar canto antes unha reunión conxunta para acadar unha postura común na defensa do centro.
“Resulta incomprensible que, cunha diferenza dun só alumno, se recorten dous docentes”, sinalou a formación nacionalista, que denunciou ademais “a contradición entre os anuncios de máis profesorado por parte da Xunta e a realidade de recortes no rural”.
O BNG fixo un chamamento a toda a veciñanza “para implicarse nesta defensa colectiva, porque o futuro do colexio é tamén o futuro social e económico da parroquia”.
